PATACHES (GALICIA)
- INV:
- 2626
- Año de creación:
- 1955
- Dimensiones:
- 55 x 41 x 0
- Técnica:
- Lapis sobre papel
Comentarios
Rafael Alonso recréase no tema do mar e no encanto dos lugares mariñeiros para captalos na súa quietude e no seu vivir coa mirada posta no mar.Ambas obras, as número 7 e 8, presentan unha perspectiva en diagonal que introducen ó espectador na composición e permiten gozarmos das pataches, das barcas de pesca con vela, atracadas no peirao en dúas posicións contrapostas. A maraña de mastros e de liñas verticais contrasta coa postal apracible das casas apostadas na beira cos seus tellados horizontais e as súas fiestras ordenadas.
A presencia humana está limitada, cedéndolles o protagonismo ás antigas embarcacións de madeira. O mar en calma, tranquilo, descríbese mediante ondas cariñosas que se escurecen para xerar sensación de sombra e de movemento. A zona costeira relégase á marxe superior ocupando unha franxa estreita que delimita claramente os espacios.
A diferencia entre ambas obras radica na maior ou menor saturación no debuxo. No bosquexo número 7, o trazo é rápido, recolle con seguridade as formas e acada unha sensación de dinamismo e de enerxía nunha composición abarrotada, onde existe pouco espacio para o baleiro.
Na proposta número 8, o lapis, que percorre con intelixencia a superficie do papel, deixa a súa pegada mediante un trazo limpo e consciente, permite que o soporte teña voz, converte o branco en cor e ofrece unha visión poética e pausada dunha vila mariñeira.